Este ano quedámonos sen o concerto Axudádeme a cantar, así que os maiores do grupo quixeron facernos un agasallo para despedir o curso.
Aquí vos deixo este temazo gravado durante o confinamento.
Nesta interesantísima páxina Julio Payno lévanos de viaxe polo mundo "subidos" a dez instrumentos tradicionais de disintos países que seguramente non coñeces.
Nesta páxina de Julio Payno podedes escoitar ata dezaoito temas de música de distintos países do mundo, e despois xogar para comprobar cantos sabes identificar e situar no mapa.
Moi interesante
É xenial!! Eu non me canso de experimentar nela.
Nas letras pequenas da marxe dereita tedes unhas letras minúsculas, e cada unha delas é unha base instrumental
Probádea!!!
Levo moito tempo buscando esta páxina, que tiña enlazada no meu vello blog hai máis de dez anos, e non era quen de atopala.
Esta obra, A Sinfonía nº 9 , tamén coñecida como Sinfonía do novo mundo de Antonín Dvořák, é unha das miñas pezas clásicas favoritas.
Nesta páxina do Carnegie Hall, que é unha histórica sala de concertos de Manhattan (Nova York), ides poder escoitar os catro movementos da obra, acompañados por imaxes que acompañan e ilustran á perfección as diferencias entre uns e outros. Poderedes ver tamén que instrumentos protagonizan cada pasaxe.
A única pega é que está en inglés, como non, polo que vos será máis difícil entender as explicacións teóricas que preceden sempre a cada escoita.
Na dereita tedes dous apartados: glossary, onde vos define termos musicais, e activities, onde atoparedes xogos que poñerán a proba os vosos coñecementos da obra.
Xa me contaredes se vos apaixona tanto coma a min!
Como ides co inglés?
Nesta páxina ides poder practicalo, coma en case todas as que vos subín deste estilo.
Se entrades en "composer" podedes escribir unha melodía e escoitala despois.
Hai tamén dous pianos (un deles máis simple, só de unha oitava) e un xilófono nos que podedes tocar cancións, improvisar... e gravarvos.
Atoparedes máis actividades interesantes, non só de música. Estrebellade!!
Entra neste cuestionario e faino todas as veces que queiras, ata ter o máximo número de acertos posibles. Cando o remates podes ver as respostas correctas e saber así por que fallaches.
Ten un son bastante real, así que é estupendo para estudar aquí as vosas partituras.
Davos a opción de pór #FA e bSI, e podedes escoller entre o son do xilófono, do metalófono ou do carillón.
Tamén podedes tocar co rato ou co teclado (vai ser máis áxil), facendo clic no A
Nesta páxina atoparedes infinidade de actividades musicais adaptadas ás distintas idades.
Está xenial, e ofrece o galego como idioma, algo máis ben pouco habitual.
Este xogo é moi divertido... eu aínda enredei un anaco nel.
O robot quere ordenar os instrumentos, pero precisa a túa axuda. Utiliza as frechas de dirección para movelo e recoller cada instrumento. Logo deberás deixalo na caixa que lle corresponda.
Noa Vigo e Xoel Aneiros déronme permiso para compartir con vós este material inédito: a primeira como súper percusionista e o segundo como compositor .
Páxina moi sinxela para saber máis sobre os instrumentos e como se agrupan en distintas familias, e así mesmo como se asocian para formar diferentes tipos de agrupacións.
Na parte superior, pinchando en Paisaxe sonora, podedes escoitar o que fixestes vós e máis as vosas compañeiras e compañeiros.
Quedounos unha paisaxe ben chula! ☺
Visto o éxito do Song maker... aquí vos deixo outra páxina. Tamén podedes gravar a vosa composición e enviarma, se vos apetece. Neste caso ofrécevos unha serie de recursos vocais e rítmicos que vós podedes combinar como queirades.
Como sabedes, para a semana vaise celebrar a Semana Cultural virtual no noso cole. Dentro das actividades propostas está a de amenizar a festa de San Isidro. Xa que este ano toca ficar na casiña, o que nos queda é facer a festa nela.
Animádevos a mandar un vídeo bailando ou tocando!
O voso compañeiro Xoel, de 5º, deume unha gran idea o outro día cando me mandou varios fragmentos musicais feitos por el no Song maker. Déixovos aquí os enlaces para que os escoitedes:
Veña! Imos facer a paisaxe sonora do confinamento:
Por unha banda, ides xogar a ser compositores e crear unha melodía; pode ser propia ou mesmo unha canción que vos guste.
Para isto, tedes que ir á entrada Laboratorio musical, neste blog, e entrar en Song Maker: xogade, probade, investigade... e cando teñades a melodía que vos guste, dádeslle a save e enviádesme o enlace.
Aquí vos explico como podedes gardala para enviarma:
Este é o que fixen eu agora. A ver se vos soa...
Por outra banda, para completar a nosa paisaxe, ides ir, na mesma entrada, ao laboratorio Kandinsky**. Nesta páxina van convertir os vosos trazos e os vosos debuxos en música. Cando teñades o cadro sonoro que vos guste, facedes unha captura de pantalla e enviádesmo. Podedes tamén pintar ese mesmo cadro nun folio, para completar a actividade.
Enviar ao correo axudademeacantar@gmail.com, preferentemente as dúas actividades no mesmo, e lembrade por o nome da nena ou neno.
**Este pintor ruso realacionaba cores e formas con diferentes sons e incluso con instrumentos. Déixovos uns enlaces interesantes para tomar un primeiro contacto coa súa obra.
Benjamin Britten compuxo esta obra para dar a coñecer entre os máis pequenos os instrumentos da orquestra sinfónica.
Está baseada nunha obra do compositor inglés Henry Purcell.
Comeza o mes dos maios e, aínda que este vai ser ben estraño, non por iso imos deixar de celebrar a chegada das flores e das cores.
Comezamos saboreando esta fermosa e marchosa versión do famoso poema de Curros Enríquez,O Maio, para a que o Consello da Cultura Galega contou coas novas voces da música galega.
Seguimos con esta actividade que nos propón Belén Ballesteros dende Aulas Galegas, e elaboraremos o noso maio do confinamento. Cando o rematedes ben podedes botar un baile arredor del.
Hai tal cantidade de vídeos musicais circulando estes días pola rede, que a xente grava dende a súa casa, que vou abrir unha nova páxina: a música no confinamento.
Estes musicazos cataláns estanse facendo famosos cos seus vídeos, que suben diariamente, para facernos un pouco máis levadeira a vida. Neste contan coa colaboración, nada máis e nada menos, de Silvia Pérez Cruz
Hoxe é o Día mundial da danza, cousa que nos vén moito a conto coa actividade que vos propuxen esta semana (na entrada Bailas?).
Dende o salón do libro de Pontevedra, no seu salón virtual, festexan esta data brindándonos un espectáculo en directo con Pesdelán (no cole bailamos con eles a diario: O xogo da Carrasquiña, o Baiao, a Muiñeira corrida, Caminho de viseu...)
Podedes seguilo en directo e, se non vos cadra ben, está dispoñible despois no seu canal de youtube.
Comeza unha nova semana de confinamento e o corpo polas mañás vainos avisando de que necesita algo de movemento, así que... ímosllo dar! Facede unha roda con toda a familia e bailade algún dos temas que tedes arriba, na páxina "Baila", ou calquera outro que vos guste. Se vos animades a gravarvos e enviarmo sería estupendo! Podedes colocar a cámara para que grave só os pés, se así o preferides. Que comece a festa!!
É marabilloso velos! a música e o ritmo sáenlles tan natural coma comer ou falar
A páxina Primartis é unha imprescindible para xogar coa música e coa plástica.
Neste recuncho do bosque o coello levaranos a descubrir cousiñas sobre o son e as súas calidades. Segundo onde premas irás a distintos xogos: de ritmo, de sons graves e agudos, fortes e suaves...
Onte ao ver este vídeo acordoume mandárvolo para que vexades que case todo ten solución. Algúns de vós deixastes a frauta no colexio, pero con "dúas palliñas", nunca mellor dito, mirade o que se pode facer.
Frauta-palliña
Abraham Cupeiro é, para min, un xenio. Un musicazo cun talento e creatividade extraordinarios. Déixovos uns enlaces para que lle botedes un ollo ao que fai.
Que fermosa palabra... e que fermosa canción tomaron por himno do confinamento os nosos veciños franceses.
É un tema orixinal do francés Hubert Giraud, escrita para o actor e cantante Bourvil e que foi versionado, entre moitos outros, por Marie Laforêt.
Esta páxina é marabillosa. Máxica. Eu coñecina hai anos cando aínda era de acceso libre, pero agora hai que suscribirse e só permite facer unha actividade. Ten uns trescentos xogos: de música, de idiomas, de observación, de pintura,... Sen directrices apenas, favorece que sexan os nenos quenes busquen e descubran.
Mamás, papás: se queredes, podedes probala durante 24 horas de xeito gratuíto.
É totalmente recomendable.
A miña irmá pequena toca o fagot, e gravouvos este vídeo para que coñezades un pouco mellor como soa o seu instrumento.
Recoñecedes a melodía?
Siii!! É o tema ao que os máis peques lle chamades "as formiguiñas".
Déixovos máis enlaces a vídeos deste famoso fragmento de apenas dous minutos de Edvard Grieg escrito para a obra Peer Gynt, de Henrik Ibsen.
Este está xenial, pois vaivos indicando as sucesivas entradas dos instrumentos. Como podedes ver, trátase dunha pequena melodía sinxela que van repetindo as diferentes cordas da orquestra, variando a intensidade, o tempo e a altura.
LINE RIDER (por suposto 😉)
Vídeo para practicar a lectura rítmica (mágoa que o son sexa tan malo). A versión da Orquestra Filharmónica de Berlín Neste enlace podedes apreciar como varia o tempo (a velocidade) dende o inicio ao fin.
Con esta aplicación de edición de partituras, de descarga gratuíta, podedes enredar facendo as vosas propias composicións musicais, ou simplemente escribindo aquelas que vos gusten.
Déixovos un tutorial sinxelo de como empregalo. Pero, coma sempre, apréndese "estrebellando"
Se tedes dúbidas deixádeme un comentario ou escribídeme a axudademeacantar@gmail.com
Este xogo é moi simple: tedes que escoitar unha sucesión de notas, que ao mesmo tempo están escritas no pentagrama, e atinar cal é a que está agochada e non soa.
Estupendo para traballar a discriminación auditiva.
Xogo no que podes practicar a colocación das notas no pentagrama así como a súa discriminación auditiva.
Comeza con tres notas... e a ver ata onde chegas!
Pon a proba os teus coñecementos sobre Linguaxe Musical. Tes que ir polo mercado resolvendo actividades para poder resolver o enigma proposto polo mestre de música.
Así comeza este vídeo no que máis de corenta músicos da orquestra de Castela e León interpretan, cada un dende a súa casa, o Himno á alegría, da Sinfonía nº 9 de Beethoven. Trátase do último movemento, un Coral grandioso que se converteu en símbolo da liberdade e, dende o 1972, no Himno da Unión Europea.
Se cadra non sabiades que era de Beethoven, pero todas e todos o recoñecedes, non si?